BALEA DOUS ACADA O 3º POSTO DA CLASE NA 47ª REGATA RÍAS BAIXAS

BALEA DOUS ACADA O 3º POSTO DA CLASE NA 47ª REGATA RÍAS BAIXAS

 

Por primeira vez o Balea Dous participou na regata Rías Baixas que ven organizando cada ano polo mes de agosto o RCN de Vigo.

Rematadas as cinco etapas o balance é positivo, pois acadamos trofeo na Clase Cruceiro-Regata-2, o 3º posto, pero con certo regustiño amargo porque o resultado puido ser mellor.

De saída tivemos que afrontar a regata só con catro dos tripulantes “titulares” e só tres para a última etapa, pero claro, as gañas de regatear leváronnos a improvisar e tirar para adiante como fora.

As etapas.

Nas dúas primeiras etapas, Vigo-Combarro e Combarro-A Pobra, coa maior parte do percorrido con vento duro de proa, o Balea estivo sempre na cabeza da frota amosando moi boa navegación, boa proa e boa velocidade, os nosos rivais directos estiveron sempre controlados, chegando nas dúas regatas diante do Viaxes Atlántico, o gañador da clase.

A terceira etapa, A Pobra-O Grove, tampouco foi mal aínda sendo a maior parte unha empopada rápida dende Vilagarcía ata Os Esqueiros. Na saída, a elección da vela de proa apartounos un pouco da cabeza. Nos momentos previos da saída o anemómetro marcaba 23 nós de vento real e decidimos subir foque. Despois de saír, no tramos de desmarque, o vento aparente era só de 17 nós, pouco vento para a vela que levabamos.

Logo de cambiar o foque por un xénova dous, remontamos na ceñida ata Vilagarcía e puxémonos á altura dos nosos rivais e así ata a chegada.

Na cuarta etapa, O Grove-Sanxenxo, na dura baixada con spí de través dende o Pombeiro ata Mourisca, iamos segundos detrás do Sanborondón. Logo veu a calma primeira na torre de Mourisca, da que saímos ben, e a calma do Morrazán, onde se xuntou toda a frota. De aquí á meta só faltaba unha milla e xa podería pasar calquera cousa. O Sanborondon fixo primeiro e nós octavos.

Na última etapa, Sanxenxo-Vigo, podería ser a nosa oportunidade de recuperar o perdido no día anterior, pois xa temos feito moi boas regatas nese percorrido e coas condicións de Noroeste que había. Baixada a un descuartelar ata Soavela, separándonos de terra para evitar as calmas desta zona e poder poñer spí co vento de fóra. Iamos ben, co Viaxes a sotavento e o Sanborondon bastante atrasado por terra. Subida de spí e rotura do arraigo do tangón o que nos impide seguir coa manobra tendo que rematar o tramo coa xénova. Oportunidade perdida e noveno posto na etapa.

Os rivais.

Tiñamos na clase outros dous Sun Fast 32i coma o noso, e o Viaxes Atlántico, un Ro 330 con un gran palmarés de repetidos campeonatos galegos gañados.

O Sun Fast de Punta Lagoa, só nos aguantou o ritmo nos tramos de popa. Nas dúas primeiras etapas sacámolle 10 e 15 minutos respectivamente.

O Sun Fast Sanborondón, que navega habitualmente nas augas cántabras, é un barco moi ben preparado para regata, sen ningunha concesión ao cruceiro, e con boa tripulación. Andou ben, moi rápido, aínda que nas ceñidas o Balea facía mellor proa e costoulles separarse de nós. Sempre entrou perto da nosa proa.

Entre os tres barcos “xemelgos” hai significativas diferenzas. O Balea é o que está máis acruceirado e polo tanto máis pesado. Comodidades como molinete de áncora, quentador de auga, cociña con forno ou duchas en popa, non as levan os outros, o que se traduce en máis peso e asombrosamente non se reflicte no certificado de rating. Por GPH, o Balea ten que dar tempo aos outros dous. Misterios do sistema de compensación que fan dubidar seriamente da equiparación que se pretende con el.

O Viaxes Atlántico é un barco moi ben levado por unha tripulación que coñece ben as rías, e como dicía, cun abraiante palmarés. Anda algo menos que nós, pero non suficientemente. Sendo un barco da mesma eslora, menor desprazamento e maior superficie vélica, tamén lle tiñamos que dar tempo, e moito. Imposible gañarlle nas condicións que tivemos nestas Rías.

A polémica.

Nestas Rías, a polémica veu pola admisión de tres Platús como participantes, e incluídos na clase Cruceiro-Regata. O Platú e un barco de 25 pés, monotipo, ou sexa para regatas entre iguais e a tempo real. Non é un cruceiro porque non cumple coas medidas de habitabilidade e de seguridade que a todos os demais se nos esixen.

Esta Regata Rías Baixas está convocada baixo unhas reglas que están perfectamente expostas nas Instruccións de Regata: O Regulamento Técnico de Cruceiros, Reglas ORC de Habitabilidade e equipo, Reglas especiais para regatas de alta mar, categoría 4ª ou Instrucións de Capitanía que non permiten navegar a barcos non despachados regulamentariamente. Como se incluíron tres Platús nesta regata é algo que escapa á nosa comprensión pois clarísimamente incumpren a normativa da regata.

O asunto agrávase cando un Platú, o Iurisgal, proclámase vencedor da Clase Cruceiro-Regata, levando os honores e o trofeo que correspoden a un cruceiro. Ademais, o tal barco, tamén incumplía o regulamento de publicidade, levaba anuncio no nome e nas velas e non pasou por caixa como pasaron os demais que levan patrocinio.

Imaxino o que estará o lector pensando.

A polémica no Foro La Taberna del Puerto

Clasificacións:


 




Comentarios

Noraboa. O vindeiro ano seguro que o Balea Dous quedará de primeiro porque o seu patrón terá moito tempo para entrenar.
Saúdos

enviado por Chus o 22 agosto 2010 ás 08:22 PM CEST #

Parabéns!! Cantas alegrías nos dá o noso capitán!!
Bicos e boa travesía!

enviado por Ana o 25 agosto 2010 ás 01:05 PM CEST #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado