REGATA OPEN DE INVIERNO 2010

Comezou o día 9 de xaneiro a primeira serie de regatas que organiza o RCN de Vigo, con sete probas programadas en sábados dos tres primeiros meses do ano.

En principio preséntase unha regata animada con 35 barcos inscritos, os habituais da ría de Vigo con algunha novidade interesante como é a dun Mumm 30, deseño de Farr, que nesta tempada trae Rui Ramada do YC de Porto. Será interesante ver como de desenvolve un barco de 30 pés que anda como un 40.

As clases máis competidas serán a Regata-Cruceiro e a Cruceiro-Regata, con 14 e 11 barcos inscritos, respectivamente. Dura será a competición na primeira, con barcos como Tortuga de J. Gándara, La Burla Negra, Bosch C., Menudeta, Cormorán,.... e un bo grupo de barcos con boas tripulacións.

Na clase Cruceiro-Regata, sabemos que barco vai gañar: un Fortuna. Entre os tres que hai, Arroutado, Palanquín e Trasto se disputarán as primeiras prazas. Os demais, Baltea, Reira e Balea, disputaremos o que deixen.

Día 9 de Xaneiro (saída 15.30 h.): Percorrido Costeiro.- Regata sen historia pois non puido ser completada por ningún barco.


Día 16 de Xaneiro (saída 15.30 h.) : Percorrido Costeiro.- O Balea non participou nesta proba por ter o patrón un compromiso ineludible que llo impediu.

Os datos din que foi unha regata rápida, 6 nós de media, e con victoria absoluta de Arroutado. (Visiers, 1- Farr, 0)

Na clase Cruceiro-Regata non houbo sorpresas: Fortuna, Fortuna, Fortuna, 35s5, 35s5.
O Reira venceu en tempo real pero os 45” por milla que ten que dar aos Fortunas, son insalvables.

Día 30 de Xaneiro (saída 15.30 h.) : Barlovento/Sotavento.-

Preséntase unha boa tarde, vento de NW de forza 3-4 bastante estable.

Móntase o percorrido entre Transatlánticos e Punta Rodeira dunhas 6 millas para as clases maiores e 4 millas para a clase Cruceiro.

Anúlase a primeira saída por fóra de liña masivo causado por estar favorecida a boia sobre o barco. Tras corrixir a liña, dáse a saída boa.

O Balea mantense entre os da súa clase, os fortunas por diante e o Reira moi perto. Dúas ceñidas e dúas popas sen variacións. Ao final da primeira popa temos un problema de cruce de drizas que nos impide subir génova antes de baixar spi, o que nos descolga un pouco do Reira. Recuperamos o perdido cunha boa ceñida e na segunda popa xa estamos metidos no grupo.

Na boia de sotavento esta vez é o Reira o que ten problemas para arriar spi, o que nos permite superalo. Nesta última ceñida, favorécenos un leve role que fai que superemos neste tramo a Palanquín e Arroutado.

Mantemos a posición na popa e entramos en segundo lugar detrás do Trasto.

Só nos vale para facer un cuarto posto pois o minuto e doce segundos que lle sacamos a Arroutado é insuficiente.

No particular duelo que aquí argallamos entre deseños de 30 pés, nova goleada dos fortunas sobre o Mumm. Así que na clasificación xeral: Visiers, 2 – Farr, 0.

 

Día 6 de Febreiro (saída 16.00 h.) : Percorrido Costeiro.-

Tarde nublada pero seca. Antes da saída marca un vento de SSW duns 10 nós que non facía prever no que pouco máis tarde acabaría.

A regata que dispón o Comité de regatas do RCN de Vigo, levaríanos a virar Tofiño por estribor, Vigo por babor, Rodeira por babor e chegada en Vigo fronte ao peirao de transatlánticos.

Saída sen problemas coa maioría da flota pola boia e plantexando o bordo a Tofiño polo sur da ría. Somos menos os que escollemos o bordo norte, polo que en principio se progresa bastante ben. Da clase Cruceiro-Regata, imos o Balea, detrás o Baltea e o Reira. Os Fortunas escollen o bordo sur.

Xa á altura de Rodeira o vento empeza a rarear, baixa a intensidade, está moi rolón e inestable o que xunto á incómoda ola fai lento o avance. En todo este tramo practicamente nin se alcanzaron os 3 nós de velocidade.

Con estas condicións, o comité de regata decide acortar o percorrido, rematando no primeiro paso por Vigo. Aínda así, e manténdose as condicións na empopada, non pensabamos poder rematar en tempo. Non houberamos entrado se nos últimos 200 metros non tivera espabilado repentinamente a brisa, facéndonos acadar a máxima velocidade da tarde, 6,6 nós, co que conseguimos entrar faltando menos de un minuto para esgotar o noso tempo límite. Menos mal.

A clase foi gañada polo Arroutado, que hoxe si, na clasificación xeral quedou por detrás do Mummy, campión absoluto do día. Visiers, 2 – Farr, 1

 
Pódese ver o dificultoso percorrido do Balea nesta tarde, no track emitido en tempo real por medio do programa WayTRKR de Localizatodo.com, sistema que permite facer seguimento da regata e arquivo dos datos para posterior análise.

 

 

Día 13 de Febreiro (saída 16.00 h.) : Barlovento/Sotavento.-

Tarde soleada que promete unha divertida regata, con un Barlovento-Sotavento programado e un vento de NE, duns 10 nós no campo de regata, antes da saída.

O Comité de regata do RCN de Vigo, monta un percorrido entre dúas boias, unha á altura de Transatlánticos e a outra a unha milla de distancia, en Punta Lagoa.

Dáse á saída puntualmente, ás catro da tarde, momento en que xa o vento ía a menos.

O Balea sae polo centro da liña, amurado a estribor e con vento limpo. Por barlovento andan os Fortunas e por sotavento os 35s5.

Cando temos augas libres viramos para coller o bordo de estribor, que en principio parece o mellor camiño.

O vento vai caendo pouco a pouco, ata que case toda a flota, tanto os do norte coma os do sur, quedamos case parados. Pero non tarda moito en marcar vento no mar polo norte da ría. Os barcos do bordo de babor pronto collen vento e arrancan con velocidade. Aos de estribor, tárdanos un pouco máis en chegar.

Entra vento fresco máis de Norte e pronto estamos facendo 5 nós. O Baltea colleu antes o vento e escápase por diante.

Virada en barlovento e rápida empopada que facemos entre o grupo dos 3s5, Baltea e Reira.

Entramos moi xuntos na boia de sotavento e cando comezamos a ceñida, coa posta a punto das velas para este rumbo, rompemos puxame de maior. Reparación de urxencia e de novo a recuperar o perdido coa rotura.

Viramos barlovento superando a Reira e detrás de Palanquín e Baltea onde continuamos toda a empopada.

Na última ceñida saímos de boia gañando barlovento e tras unha moi boa navegación, chegamos ao cruce co Baltea e Palanquín, virámoslle a sotavento e por proa podendo montar a última boia por diante deles.

Última empopada moi rápida e ampliando vantaxe sobre o Palanquín o que nos permite facer un terceiro na clase.

Ao final quedou unha regata rápida, divertida e moi ben traballada, conseguindo un bo posto. Satisfeitos.

Na clase, victoria do Trasto sobre o Arroutado, que unha vez máis gañan a toda a flota na clasificación global.

A máquina de Farr, o Mumm 30, demostrou unha velocidade incrible para un 30 pés, sendo o primeiro en cruzar a liña de meta por diante dos potentes 36 e 37 pés, anque só obtivera un sétimo posto na etapa, nada máis que 8 segundos por diante do Balea.

No particular duelo entre arquitectos navais segue gañando o local: Visiers, 3 – Farr, 1.

 Pódese ver o percorrido do Balea nesta tarde no track emitido en tempo real por medio do programa WayTRKR de Localizatodo.com, sistema que permite facer seguimento da regata e arquivo dos datos para posterior análise.



Día 6 de marzo de 2010: 5ª Proba

Clasificación Final da clase Cruceiro-Regata

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado