TROFEO VILA DE BOUZAS

29 de setembro e 3 de outubro de 2009

Balea Dous, segundo da clase detrás do Arroutado II.

Celebrouse esta clásica da Ría de Vigo fóra das datas habituais de comezos do verán en que se viña facendo habitualmente, e notouse. De ser frecuente realizarse con nortes frescos pasamos ventos frouxos e variables, ou sexa: “¡imos ver se acabamos!”.

A primeira proba, unha costeira, con saída fronte ao porto de Bouzas e pasos por Subrido e Bondaña, con volta a Bouzas.

Saída con brisa frouxa de Oeste que a pouco de pasar a Borneira empeza a escasear. Arroutado tírase a Liméns, posiblemente agardando que saltara o NO, e falla na táctica pois queda aboiado por esa zona e superado polos que fan o bordo polo medio da ría, Baltea e Reira, que se colocan á cabeza da flota nun excelente bordo. No Balea, máis pola ría que por terra, non quedamos descolgados dos 35s5 de Bouzas e viramos Subrido por detrás deles e con bastante vantaxe sobre o Arroutado.

Empopada cara Bondaña polo bordo exterior que nos leva ao grupo de cabeza a caer nun pozo que evitan os que veñen atrás facendo o bordo interior, e resultando un cambio total nas posicións. No paso de Bondaña, Arroutado e os que se colaron polo interior, Druida e Iumar, xa se colocan á cabeza da regata.

O vento rola e ponse de terra, un ESE moi frouxo que fai que uns busquen camiño por Samil e outros pola ría, con diferentes resultados. Nun momentos ían ben os da ría e noutros os de terra.

Acabamos entrando por detrás de Baltea e Reira, e sen saber se os tempos compensados nos darían para estar diante deles na clasificación da etapa.

A segunda proba é un barlovento-sotavento, con pouco vento de OSO, e con pouca historia.

O Arroutado II colle a cabeza de saída e o Balea disputa a regata co Reira, sen conseguir achegarse o suficiente para facer valer o rating. Facemos un terceiro posto.

Na clasificación global das dúas etapas quedamos en segundo lugar, detrás do Arroutado de Rodolfo R., un posto co que non contabamos despois da mala posición acadada na primeira proba, pero que foi posible polos desiguais puntos obtidos polos outros barcos da clase nas dúas probas.





Balea vai,... Arroutado ven.
Virando Barlovento detrás do Reira.





 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado