XI TROFEO PORTO DE VIGO - PRIMEIRA PROBA

Sábado, 14 de Novembro de 2009.-

Celébrase a primeira proba da tradicional serie de Outono que este ano está patrocinada polo Porto de Vigo, e pódese facer porque coincide xustamente na tarde do sábado, unha ventá meteorolóxica de relativa tranquilidade entre dúas frontes moi activas que nos deixan os primeiros temporais do outono, con fortes ventos e abundantes precipitacións. Así pois, atopámonos cunha tarde de condicións excelentes para a vela, con vento de SW que oscila entre os 15 e os 20 nós con algunha racha de algo máis, e unha boa marexada que deixou na ría o temporal de vento das últimas horas.

Con estas condicións, o Comité de Regata do R. C. Náutico de Vigo dispón que se faga o percorrido nº 1 previsto nas Instrucións de Regata: saída situada entre Trasatlánticos e O Con, baliza de desmarque nas proximidades do porto de Bouzas (Br), Lousal (Er), Bouzas (Er), Salgueirón (Br) e chegada en Bouzas.

Na ceñida de desmarque cóllennos a dianteira o Arroutado, Palanquín e Reira, e tras virar a boia a flota lánzase en popa cara o Lousal, con spís arriba e facendo boas puntas de velocidade. Viramos Lousal por diante do Reira e na ceñida de volta, preséntanse en principio dúas alternativas. Facer o bordo por Moaña, elección de Palanquín, Reira e Menudeta, entre outros, ou tirar cara o sur pola zona da Guía, opción que segue Arroutado e Balea detrás. Resultou ser esta a boa opción pois no primeiro cruce xa cruzamos por diante de Palanquín, Menudeta e Reira.

Tras dura ceñida ata Bouzas sen variacións entre os da clase, un descuartelar a Salgueirón e outro máis aberto de volta a Bouzas, remata a regata sen lugar a máis alternativas.

Entra diante o Arroutado que fai primeiro na clase e na xeral, detrás o Balea que non consegue suficiente vantaxe sobre Palanquín para evitar que este faga o segundo posto da clase.

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado