XVII REGATA GUARDIAMARINA – 2009

SEGUNDO CLASIFICADO DE CLASE E CUARTO GLOBAL

Os días 19 e 20 de setembro o Balea Dous participou na Guardiamarina comezando así a tempada de regatas 2009-2010.

Nesta ocasión a regata modificouse en relación ao que era habitual, facendo a primeira proba na Ría de Ponteverda co fin de facilitar a participación aos barcos que na semana anterior competiran no Desafío de Sanxenxo. Loxicamente este formato favoreceu aos barcos que estaban en Sanxenxo pero non aos que estaban na Ría de Vigo que tiveron que contar cun día máis para trasladar o barco a Marín.

Non parece que esta medida favorecera a participación pois este ano non pasaron de 25 os barcos, contra os case 40 que eran habituais. É posible que moitos barcos de Vigo desistiran de participar por falta de tempo para trasladarse a Marín e pola contra non se contou con participación da flota da Ría de Pontevedra, agás os da Escola Naval e algún de Aguete.

Primeira proba.-

Consiste nunha costeira con saída nas proximidades da Escola Naval, virada por babor en Mourisca e regreso a Marín, cun vento de SW frouxo pero bastante entablado na ría.

Non facemos unha boa saída e toca remontar. De seguido buscamos o norte da ría e nun par de bordos estamos por diante da nosa clase. O Zamora bastante descolgado e o Enxuto seguindo a nosa estela. A brisa é das que o Balea saca mellor rendimento en ceñida polo que mantemos aos seguidores controlados e mellorando a posición.

Pasando Morrazán hai que decidir se ir ao NO ou ao Sur. Non vemos clara a opción NO e decidimos xogala polo sur a pesar de que o Enxuto e o Iumar proban por aí e deciden non seguirnos. Pronto temos a sensación de que polo norte non andan tanto coma no sur e confírmase que foi a boa opción cando viramos Mourisca coa única ameaza por detrás do Zamora que tamén escollera opción sur.

Na popa mantemos en principio a vantaxe sobre o Zamora, ao que lle hai que dar tempo, pero un bordo de estribor que fixemos algo largo ata Mogor, fainos perder a vantaxe e só logramos entrar un minuto por diante do Zamora. Salvamos a regata que a punto estivemos de perder e facemos primeiros da clase.

Segunda proba.-

O domingo celébrase a clásica Marín-Vigo, e coma é habitual sen vento á hora da saída. Acaba entrando unha brisa de NO e dase a saída á altura do Morrazán. Mala saída de novo e volta a remontar dende atrás pero esta vez collendo todos vento largo será máis difícil gañar algún posto. Agasallos destes non se poden facer na nosa clase, onde o máis tonto fai reloxos. A nosa táctica redúcese a facer o percorrido por barlovento da flota buscando o NO máis fresco e afastándono o posible de Soavela, polas sorpresas que poida gardar. Andamos ben e xa fronte á Ría de Aldán izamos spí e navegamos nun través pechado. Os de máis adentro vanse quedando á altura do Facho, todos os demáis forzan o rumbo en dirección ao Norte de Cíes, e aínda así caen case todos nun pozo na boca norte da ría de Vigo. Por barlovento de toda a flota conseguimos pasar sen que se veña abaixo o spí e chegamos á altura do Zamora e deixando a moitos grandes a sotavento. Alongamos o bordo ata a Punta Muxieiro e trasluchamos poñendo rumbo a Vigo. Entrando na ría, o vento vai afrescando e lanzámonos nun través con spí no que mantemos uns 8 – 9 nós de velocidade, pero o Zamora tamén o fai ben e entra un minuto diante de nós.

Unha gran regata onde o Zamora fai primeiro absoluto e o Balea segundo, por diante de todos os grandes.

Na clasificación da clase, das dúas probas, quedamos empatados co Zamora. Os dous temos un 1º e un 2º, pero como desempata o posto da última proba, o Zamora gaña a clase e o Balea queda segundo.

Na xeral das dúas probas e de toda a flota, facemos un 4º posto.

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado